Tuesday 07 de May de 2024

A pésima situación da estrada autonómica AC-414 centrou o consello parroquial de Goiáns


O mal estado da estrada autonómica AC-414 foi o centro do debate no consello parroquial de Goiáns, que se celebrou este xoves 23 de novembro. A veciñanza vén solicitando o arranxo da vía desde a primeira xuntanza do consello parroquial no ano 2017, e esas reclamacións foron trasladadas ano tras ano desde o Concello de Carballo á Xunta de Galicia, titular da vía, pero a falta de mantemento provoca un deterioro cada vez maior, que nos últimos días chegou ao Parlamento de Galicia a través dunha iniciativa do BNG e á televisión.

Despois dun intenso debate que se prolongou durante unha hora, e no que interviñeron tanto a veciñanza coma representantes dos tres grupos con representación na corporación, entre eles os dous concelleiros que tamén son deputados no Parlamento de Galicia polo BNG e polo PP, adoptouse a decisión de agardar á entrevista que o alcalde, Evencio Ferrero, e un técnico municipal manterán o vindeiro 1 de decembro co director da Axencia Galega de Infraestruturas, para saber que solución propón a Xunta de Galicia ao estado actual da vía.

O alcalde insistiu en que por parte do goberno municipal existe a determinación, comunicada de xeito reiterado á Administración autonómica, de asumir a titularidade da vía, pero con condicións: para o Concello de Carballo non abonda coa reparación do firme, senón que considera necesaria unha actuación integral que garanta non só unha longa vida para a capa de rodaxe senón tamén a seguridade peonil e ciclista mediante a construción de sendas. O representante do PP dixo que por parte da Xunta está previsto licitar a mellora do pavimento, e tanto BNG como PSOE insistiron en que esa é a súa obriga como titular da vía.

No que hai unanimidade, tanto entre os grupos políticos coma entre a veciñanza, é en que a estrada AC-414 non pode continuar na situación actual.

O estado da rede viaria é a principal preocupación da veciñanza, tal como se pon de manifesto nun consello parroquial tras outro. O mal estado da AC-414 tamén foi motivo de queixas en Cances, na xuntanza celebrada o pasado día 9.